Thursday 09 de May de 2024

Todo listo en Ardemil para a VI Xuntanza Cabalar que se celebrará esta fin de semana


Haberá rutas, carreiras de andadura, probas de andadura de trotadores, concurso de barrís e de touro mecánico, xantares populares, música e moita festa e diversión. En total repartiranse preto de 500 € en premios

Dende mañá venres e ao longo de todo o sábado, 3 e 4 de xuño, a parroquia de Ardemil acollerá a súa VI Xuntanza Cabalar. Unha nova edición na que participarán máis de 150 xinetes.

Unha gran festa na que se repartirá entre todas e todos os asistentes touciño entrefebrado, a partir das 20 horas, marcará o inicio desta celebración na que os cabalos e as bestas son os verdadeiros protagonistas.

O sábado o programa iniciarase ás 10 horas con saídas en ruta. Ás 11.30 e 12 horas terán lugar as carreiras de andadura cruzados serrada e chapeada federada respectivamente. Ás 13 horas oficiarase unha misa con procesión na honra a Santo Antonio e na que tamén se bendicirán aos animais. Ademais contarase coa presenza de gaiteiros que animarán o momento cos seus sons tradicionais xusto antes do xantar, previsto para as 14 horas. Este ano o menú estará composto de lacón asado, patacas estufadas, sobremesas, viño, auga, refrescos, café e chupitos.

O programa da tarde arrancará ás 16 horas co concurso de barrís con 100 € en premios. Ás 16.30, 17.30 e 18 horas será o momento para as probas de andadura de trotadores libre, trotadores federada e trote de trotadores libre respectivamente. Neste caso os premios roldarán os 400 € en total. Por último ás 18.30 horas arrancará o concurso de touro mecánico. No caso dos máis pequenos, ademais, poderán desfrutar de paseos e rutas a cabalo completamente gratis.

A Asociación Cultural Cabaleiros de Ardemil, organizadora da xuntanza, conta novamente coa colaboración do Concello de Ordes para a súa posta en marcha. Tamén participan a Deputación da Coruña, o restaurante Avelino, servizos veterinarios e equinos Serveteq e a Federación Hípica Galega.